Presentada na Cidade da Cultura a aplicación web CIMA para a xeración de información cultural accesible

Enviado por gestor el Mié, 11/05/2022 - 10:50

Presentada na Cidade da Cultura a aplicación web CIMA para a xeración de información cultural accesible

06 Mayo 2022, 12:03 PM
Presentación de CIMA na Cidade da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu durante os días 4 e 5 de maio a primeira reunión presencial do proxecto europeo Erasmus+ ALLURE (Alfabetización Liberadora: accesibilidade Universal en Recursos culturais para a Educación permanente). O proxecto ten por finalidade coñecer a realidade da cultura en Europa desde a óptica da inclusión e a accesibilidade cultural, os retos que enfrontan e as posibles solucións a estes retos, produto do cal resultará un completo informe e unha guía metodolóxica e de orientacións, así como de aplicacións que faciliten o acceso aos recursos culturais existentes como primeiro paso para achegar unha verdadeira cultura inclusiva.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila López, asistiu o día 5 de maio ao encontro, onde puido coñecer de primeira man o primeiro produto deste proxecto, a aplicación web CIMA (Cultural Information Made Accessible – “Información Cultural Feita Accesible”) que permite xerar documentos de fácil lectura con toda a información relevante sobre calquera evento cultural (concertos, exposicións, conferencias, feiras, etc.), en diversos idiomas e complementado de xeito automático con pictogramas. Esta aplicación está xa dispoñible no sitio web de ALLURE. É de libre uso para toda a cidadanía e todas as entidades e institucións culturais.